Iago Martínez - Xornal de Galicia

“Hai tempo que veño pensando en tirar a toalla, isto non é novo. O que acontece é que xa son demasiados os motivos. É o momento de deixalo”. Suso de Toro abandona a escrita profesional e volve á docencia. Anunciouno onte no seu blog (susodetoro.blogaliza.org) cunha entrada nada enigmática. Titulouna Despedíndome. Logo de dezaseis anos como autónomo e tras publicar o que considera “unha novela-término” –Sete palabras (Xerais, 2009), acabada de traducir ao español para Alianza Editorial–, o compostelán dá un salto no baleiro. Vai recuperar a súa primeira praza como ensinante.

“Cambio de vida e de oficio”, espeta. Ao outro lado do teléfono, entre o bruído do aeroporto do Prat, Suso de Toro soa convincente. Non se sabe onde acaba o cansazo e empeza o cabreo. “Xa escribín o que quería escribir, e quen o quixo ler, leuno. Xa está. Non estou disposto a asumir máis presenza nos medios nin máis bolos nin máis viaxes, e tampouco penso volver atrás. Houbo unha época na que escribía e traballaba ao mesmo tempo, pero xa non toca. Pecho o blog, pecho o meu correo e volvo á docencia con humildade. Teño que aprendelo todo outra vez”.

Sete palabras, en efecto, era unha novela suicida. O escritor coqueteaba co real, poñíase no centro do relato e furaba nas súas orixes familiares na procura dunha estirpe de derrotados á que pertencer. Buscaba as marcas do grillón nos seus propios pulsos e abocábase á gran pregunta: e agora, como seguir escribindo? Pero hai máis: a crise económica, a deriva da industria editorial global, o reloxo interno da cultura galega e o eterno problema de Madrid. “A literatura española resérvanos para a bodega do barco. Punto”.

- No imperio do 'best seller'.

O autor de Polaroid e Home sen nome cre que debe pechar un ciclo. Está convencido de que a crise está a afectar “dun modo agudo” no seu sector, o que o obriga a escoller entre o menor de dous males: ou asumir máis “espectáculo” para seguir sendo escritor –conferencias, promoción, colaboracións– ou desprofesionalizarse e volver ás aulas. Nin sequera descarta deixar de escribir por completo. “É cedo de máis para sabelo”. Do que si está seguro é de que o escenario non é o que tiña no maxín cando se botou a escribir.

“Hai unha crise profunda na cultura, nada conxuntural. A literatura de autor desaparece baixo o imperio do best-seller. E en Galicia as cousas non son como as imaxinei. Non teñen nada que ver co que prediquei. Hai máis e mellor literatura, máis riqueza, pero non se produciu o madurecemento prognosticado. Na sociedade galega a nosa literatura segue minorizada”, argumenta o compostelán.

Suso de Toro asinará libros hoxe no Sant Jordi barcelonés. Tamén diso se despide. Onte á mañá, conta, xa rexeitou un convite para falar sobre literatura en Alemaña o ano que vén: “Só vou ter tempo para o ensino”. O compostelán prefire non dar máis detalles dos que xa deu na súa bitácora. Volve ao seu primeiro destino, nada máis. Quere deixar o centro á marxe da súa biografía literaria. A dun autor con tres ducias de títulos ao lombo, trinta anos de carreira e trofeos literarios como o Premio Nacional de Narrativa que mereceu en 2003 Trece badaladas. De precisar un título para este capítulo, Suso de Toro poríalle “A fin da escapada”.